BIBLIOTECA IES MARQUÉS DE SARGADELOS.

30/10/26

SAMAÍN NA BIBLIOTECA

 Chega o Samaín á nosa biblioteca

Hai historias que dan arrepíos… e outras que non poderás deixar de ler!

Desde a equipa de Biblioteca preparáronnos unha selección de libros de terror en galego, castelán, inglés e francés para que este Samaín te atrevas a descubrir novas historias.

Anímate a escoller o teu libro e deixa que o medo se apodere das páxinas.

E ti, atréveste a ler ou tes medo ata dos libros?




29/10/26

Día das bibliotecas: 24 outubro 2026

A Dirección Xeral do Libro, do Cómic e da Lectura, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas este 24 de outubro de 2026.

O lema deste ano, “Sen profesionais non hai bibliotecas”, quere poñer no centro ás persoas que fan posible que as bibliotecas sexan moito máis que un simple conxunto de recursos, andeis e espazos.
 
Nos unímonos a visibilizar a quen desempeña esta tarefa no nosa biblioteca e noutras para garantindo o acceso á cultura, e facen das bibliotecas espazos abertos, inclusivos e acce
sibles para todos.
 

 



 

22/10/26

Benvida ao alumnado de 1º ESO na nosa biblioteca

O equipo da biblioteca do IES Marqués de Sargadelos recibiu o alumnado de 1º da ESO para darlle a coñecer este espazo tan especial do noso instituto.

Durante a visita, explicámoslles como funciona a biblioteca, que normas deben seguir para facer un bo uso dela e que fondos poden atopar nas súas estanterías: novelas, contos, banda deseñada, libros de consulta e moitos outros materiais cos que aprender, descubrir e gozar da lectura.

Ademais, amosámoslles como realizar os préstamos dos libros, para que poidan levar as súas lecturas favoritas á casa e compartilas tamén en familia.

Agardamos que esta primeira toma de contacto esperte a súa curiosidade e os anime a converter a biblioteca nun lugar de encontro, aprendizaxe e aventura a través dos libros.

Benvidos e benvidas á biblioteca!

Porque cada libro é unha porta aberta a un mundo novo. ¡Animádevos a descubrilo!








19/10/26

Charla Corresponsables 4º ESO

Obradoiro «Repensar a masculinidade na adolescencia: identidade, presión social e modelos funcionais»

O alumnado de 4º ESO participou nun obradoiro na hora de titoría centrado na análise crítica da construción social da masculinidade durante a adolescencia.

A actividade afondou nas consecuencias dos modelos ríxidos de masculinidade, abordando a influencia da presión social, do grupo de iguais, das redes sociais e da cultura audiovisual na configuración da identidade e das relacións.

A través de dinámicas participativas, situacións próximas á realidade do alumnado e espazos de reflexión, traballáronse aspectos como a expresión e regulación emocional, a empatía, o autocoñecemento e a corresponsabilidade.

O obradoiro desenvolveuse desde unha perspectiva preventiva, non confrontativa e integradora, coa finalidade de favorecer unha visión máis flexible e funcional da masculinidade e promover relacións máis igualitarias, respectuosas e saudables no contexto escolar.

Actividade organizada polo Concello de Cervo, dentro do programa Corresponsables.



Día das escritoras 2026

 

 

  13 de outubro: Día das escritoras  

 

Neste ano 2026 celebramos o centenario da fundación do Lyceum Club Feminino, por iso, e a modo de homenaxe, os textos seleccionados son obra de socias do Lyceum Club, ese espazo propio que, case 15 anos antes que Virginia Woolf xa reivindicou María Lejárraga nas súas Cartas ás mulleres de España: “O esencial é que teñades un lugar voso”. Foi o primeiro espazo cultural, social e tamén laico para as mulleres. Isto fixo que, como veremos nalgúns dos textos, fóra moi criticado ao principio.

 Christina Linares, comisaria da XI edición do Día das Escritoras.

 

Mostramos na biblioteca o cartel do día das escritoras e unha selección de textos de autoras galegas de varías épocas.




 

 

 

Premio Nobel 2026

 

Premio Nobel de literatura 2026: Anne Carson

 

Recollemos no taboleiro da biblioteca varios artigos sobre o novo premio Nobel de literatura.

Anne Carson combina a tradición clásica greco-latina con unha obra audaz e inventiva que creou novas formas para a literatura contemporánea


Sentímola cerca porque publicou un diario poético sobre a súa peregrinaxe a Fisterra (A Coruña), traducido ó gallego por Chan da Pólvora.

Carson é autora do ensayo 'Tipos de agua. O Camino de Santiago', no que relata a modo de diario poético a súa experiencia como peregrina entre Saint Jean Pied de Port (Francia) e Fisterra (A Coruña).

 

 




13/10/26

Charla Programa Corresponsables Concello de Cervo

 🟣 Educando en igualdade, construíndo relacións saudables! 🤝

O pasado venres, 9 de outubro, o alumnado de 3º da ESO participou, na hora de titoría, nun obradoiro do Programa Corresponsables do Concello de Cervo, enmarcado no proxecto «Comunidade consciente: igualdade, masculinidade e corresponsabilidade».

💬 A través de dinámicas participativas e espazos de reflexión, abordáronse a construción da identidade na adolescencia, a presión social e a influencia das redes sociais nos modelos de masculinidade.

💜 Unha oportunidade para fomentar o autocoñecemento, a empatía, a xestión emocional e a corresponsabilidade, promovendo relacións máis igualitarias, saudables e respectuosas.

Porque educar en igualdade é construír unha comunidade máis consciente e cohesionada! 🌱


1/10/26

Unha achega á inclusión e á diversidade

O pasado mércores 30 de setembro, o alumnado de 3º da ESO participou na biblioteca do centro nunha charla impartida pola Asociación Down Lugo, nun encontro pensado para achegar ao alumnado á realidade das persoas con síndrome de Down e favorecer a reflexión sobre a diversidade.

Ao longo da sesión abordáronse cuestións relacionadas coa inclusión, a igualdade de oportunidades, a autonomía persoal e a participación na sociedade, ofrecendo ao alumnado a oportunidade de coñecer diferentes experiencias e de compartir dúbidas e reflexións nun ambiente próximo e participativo.

A charla permitiu poñer en valor a importancia de coñecer e respectar as diferenzas individuais, así como de identificar e superar os prexuízos e as barreiras que poden dificultar a plena participación de todas as persoas na sociedade.

Unha actividade para aprender, reflexionar e seguir construíndo espazos educativos baseados no respecto, na convivencia e na inclusión.