Mentras se celebraba o magosto para o alumnado de 1º da ESO na tarde do luns 2 de novembro, os seus compañeiros e compañeiras de 2º e 3º da ESO gozaron de sendos monólogos do programa G.P.A. (Galego Para Adolescentes), protagonizados polo actor e contacontos Avelino González. A actividade foi organizada polo EDLG.
A través do humor, da narración e da interacción co público, Avelino González achegou o galego á realidade cotiá da mocidade, nunha proposta pensada para fomentar o uso da nosa lingua entre os adolescentes e mostrar que o galego tamén é unha lingua para rir, comunicarse, crear e gozar.
Unha xornada de outono, na que tradición, diversión e lingua galega se deron a man para celebrar a nosa cultura no instituto.














































