O 3 de decembro celebramos o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, unha data promovida pola ONU para lembrar a importancia de construír unha sociedade máis inclusiva, accesible e respectuosa coa diversidade humana.
Nas bibliotecas escolares este día convértese nunha oportunidade para reflexionar sobre como os libros, as historias e a cultura axudan a derrubar prexuízos, poñendo voz a persoas que, moitas veces, ficaron fóra do foco da creación literaria.
A lectura permítenos achegarnos ás distintas realidades da discapacidade —física, sensorial, intelectual ou invisible— desde a empatía e o coñecemento. Por iso, quixemos reunir unha selección de obras que amosan personaxes diversos, experiencias reais, biografías inspiradoras e relatos que reivindican os dereitos das persoas con discapacidade.
Convidámosvos a mergullarvos nestas lecturas, a recoñecer o valor da diversidade e a descubrir que todas as persoas, con independencia das súas capacidades, forman parte imprescindible da nosa comunidade.

