Un neno na emigración / Un niño en la
emigración / An immigrant child é o título do primeiro libro para nenos e nenas de Francisco Álvarez - Koki, con
ilustracións de Marta Iglesias Rodríguez,
publicado por Edicións do Cumio.
Recollemos da presentación editorial:
"(...) recrea con sinxeleza e
efectividade, en boa parte a través das reviravoltas protagonizadas
por un neno chamado Breogán, realidades que calquera persoa que viviu o
esgazamento que supón a emigración puido experimentar. Breogán, no seu caso
particular, chega ao barrio neoiorquino de Astoria con tres anos, saltarica e
brinca por el, por espazos da terra de acollida como son as rúas e os parques
próximos á súa casa, como o zoo de Nova York, ao que contrapón ou suma
máis ben as impresións e todo aquilo que aprende nunha viaxe na que
percorre Galicia, lugar sempre presente na súa educación e formación.
Alén destas vivencias Breogán resulta
operativo para pensar e repensar asuntos como a propia emigración, os
valores que representan o fomento e o respecto á multiculturalidade
ou o poder que a lingua propia posúe como depositaria da identidade,
do que supón para sermos e estarmos, con autenticidade, no mundo."
O autor, radicado en Nova York desde hai anos, é coñecido pola súa obra Ratas en Manhattan (Sotelo Blanco Edicións, 2007), e tamén por unha ampla obra poética en castelán e en galego con títulos como Lexanías (1980), Maruxía (1989)ou Máis aló de Fisterre (1991 e 2000).