BIBLIOTECA IES MARQUÉS DE SARGADELOS.

26/11/26

25N

O 25N alzamos a voz contra a violencia machista!

Hoxe, no IES Marqués de Sargadelos, conmemoramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres cunha xornada de reflexión e sensibilización.

Este ano quixemos poñer o foco nas relacións tóxicas e na importancia de saber identificar comportamentos que, ás veces, se confunden con demostracións de amor, pero que en realidade son sinais de control e violencia.

Baixo o lema escollido para esta edición:

«NON TE CONFUNDAS: ISO NON É AMOR!»

Queremos que o noso alumnado aprenda a recoñecer os celos excesivos, o control do móbil, a necesidade de saber en todo momento onde está a outra persoa, as restricións á súa liberdade ou o afastamento das amizades e da familia. Ningunha destas actitudes é unha mostra de cariño. Amar non significa posuír, controlar nin decidir pola outra persoa.

Para traballar esta mensaxe, o alumnado da ESO está a desenvolver actividades nas horas de titoría. Ademais, na xornada de hoxe tivemos dous actos abertos a todo o alumnado: unha proxección de curtametraxes na biblioteca e a lectura dun Manifesto, elaborado e lido por un grupo de alumnos e alumnas de 4º da ESO.

Con esta iniciativa buscamos fomentar o pensamento crítico, promover relacións afectivas saudables e contribuír a que os nosos mozos e mozas medren sabendo que o respecto, a confianza, a igualdade e a liberdade son imprescindibles en calquera relación.

Porque os celos non son amor. O control non é amor. A falta de liberdade non é amor.

E queremos que esta mensaxe quede moi clara: NON TE CONFUNDAS: ISO NON É AMOR!