BIBLIOTECA IES MARQUÉS DE SARGADELOS.

24/9/11

XURXO MARIÑO. CIENTÍFICO FOCEGO.


CIENTÍFICO FOCEGO, PREMIO ESPECIAL


O científico focego Xurxo Mariño acaba de recibir o Premio Especial do Xurado do I Certame de Comunicación Científica convocado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, `dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación.
A pesares de súa xuventude, Mariño é un prestixoso doutor en Bioloxía cun sólido currículo como investigador e divulgador, con amplas estadías en centros do estranxeiro, entre eles o Instituto de Tecnoloxía de Massachutsset de EE.UU.
Colaborador da páxina web do Consello da Cultura Galega, pouco hai este organismo publicou o libro do focego titulado “Os dados do reloxeiro” no que se recollen os artigos publicados ó longo de dous anos no devandito portal web: “o libro - di o autor -é unha viaxe ó mundo físico e biolóxico no que vivimos, un mundo gobernado polo azar dos dados lanzados por un reloxeiro chamado evolución”.
O volume é unha fermosa colección de reflexións persoais ofrecidas cun exemplar tratamento divulgativo, no que se ven reflectidas moitas cuestións propias da vida común, tratadas dende unha óptica científica, poñendo os coñecementos ó alcance de cada quen empregando palabras cotiás, exemplos accesibles. Efectivamente, “Os dados do reloxeiro” é un libro científico sorprendentemente ameno e engaiolante, con capítulos tan interesantes como “Manifesto en contra do misticismo”, “Relixión, amigo ou inimigo?, “A revolución que está por vir”, “O sorprendente parentesco da familia humana” , “Ética e estética do home”…
Celebramos con gozo este premio que é o recoñecemento a unha xa densa traxectoria no eido da ensinanza e a investigación do xove focego, formado na nosa vila ata a chegada á Universidade, hoxe profesor e investigador de sona nela, e os parabéns ós seus pais, Constantino e Mari, vellos amigos.
SUSO FERNÁNDEZ.