A Asociación Galega de Editores acordou o pasado 19 de febreiro conceder o
Premio Francisco Fernández del Riego á colaboración no ámbito cultural e
editorial ás Bibliotecas Escolares de Galicia, polo seu labor de apoio
continuado ao libro e a lectura no ámbito escolar.
Este recoñecemento forma parte dos Premios da Edición do ano 2014 que serán
entregados o próximo 13 de marzo, no transcurso dun acto no Pazo da Cultura de
Pontevedra. Está previsto que sexa recollido polo Conselleiro de Cultura, Román
Rodríguez, de mans da presidenta da AGE, Laura Rodríguez Herrera. O Conselleiro
asistirá acompañado por outros integrantes do departamento da Dirección Xeral
de Centros e Recursos Humanos, á fronte da cal está José Manuel Pinal
Rodríguez, e polo equipo da Asesoría de Bibliotecas Escolares, Xosé Luís
Barreiro, Pilar Sampedro e Cristina Novoa.
Os resto dos premios serán decididos, entre os finalistas polo xurado, integrado
polos seguintes profesionais: Mª Pilar Fernández Ruíz, Directora da Biblioteca
de Pontevedra; Ramón Rozas, xornalista do Diario de Pontevedra; Kiko da Silva,
recoñecido ilustrador de banda deseñada; Alfonso García Sanmartín, ex
presidente da AGE, editor e profesional do ensino; e Cano Paz, libreiro da
Librería Paz de Pontevedra. A deliberación do xurado terá lugar o luns día 9 na
cidade de Pontevedra e non será pública até o día 13 de marzo no transcurso do
acto de entrega dos premios.
A lectura e os libros na escola
"Froito do traballo realizado", explica Cristina Novoa, asesora
de Bibliotecas Escolares, "os libros, a lectura están presentes nos
centros educativos galegos dunha forma moi significativa nestes últimos
anos" . Todo elo é froito do traballo das comunidades educativas, do
profesorado e do alumnado que poñen en pé bibliotecas escolares activas, con equipamento renovado e
coleccións actualizadas, coa axuda da administración educativa. Novoa
destaca que "foron postos en xogo moitos recursos materiais, tanto da
administración autonómica como da administración central (a través de convenios
entre o ano 2005 e 2011), pero foron os centros os que souberon aproveitar a
ocasión e seguir as pautas da consellería a prol dun modelo de biblioteca como
centro de recursos para a lectura, a información e a aprendizaxe". A
asesora de bibliotecas subliña ademais que " é o profesorado que acude ás
actividades de formación e que con moito esforzo persoal e un importante
compromiso profesional e social, pon en marcha actividades e programas que fan das
bibliotecas escolares galegas un referente a nivel estatal".
550 centros implicados en dez anos
A andaina da Asesoría de
bibliotecas escolares comeza en setembro de 2003, facéndose un oco no portal
educativo daquel tempo, cunha primeira páxina web, a difusión dun primeiro
cartel sobre A Biblioteca, espazo educativo, a elaboración dunha CDU adaptada
para as bibliotecas escolares entre outras actividades, e a colaboración coa
rede de formación do profesorado no deseño e posta en marcha de actividades. No
ano 2004 organizase como tal Asesoría de bibliotecas escolares, sendo a
primeira actividade, unhas Xornadas de animación á lectura
a través da oralidade: Do falar ao ler. Os orzamentos do ano 2005 recollen os
primeiros 250.000 € para o primeiro Plan de mellora de
bibliotecas escolares. A primeira convocatoria realízase en marzo do ano 2005 integrándose 40
centros no curso 2005/2006.
Durante estes 10 anos levaronse adiante numerosas iniciativas e proxectos,
todos eles deseñados para implicar a escolares e docentes na animación lectora,
conseguindo que 550 centros estean na actulidade integrados no programa. As
Mochilas Viaxeiras é, seguramente, a iniciativa máis popular entre sos
escolares, pola implicación das familias nese programa e o protagonismo que os
propios nenos teñen na actividade.