BIBLIOTECA IES MARQUÉS DE SARGADELOS.

17/12/25

 

10 de decembro · Día Internacional dos Dereitos Humanos

O 10 de decembro conmemórase o Día Internacional dos Dereitos Humanos, unha data que lembra a aprobación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos en 1948. Este documento fundamental recoñece dereitos e liberdades básicos para todas as persoas, como a igualdade, a liberdade, a dignidade e a xustiza, sen distinción ningunha.

Desde a biblioteca queremos contribuír á reflexión e ao compromiso con estes valores universais. Por iso, poñemos á disposición da comunidade educativa unha selección de libros, lecturas e vídeos que abordan os dereitos humanos desde diferentes perspectivas: a historia, a memoria, a igualdade, a diversidade e a defensa das liberdades fundamentais.

Ler, ver e pensar tamén é unha forma de defender os dereitos humanos.

 

 


 


11/12/25

Charla WIFI, CHOCOLATE E BURATOS NEGROS

 O Departamento de Tecnoloxía organizou hoxe a charla "Wifi, chocolate e buratos negros", impartida por Felipe Gómez Cuba, enxeñeiro de Telecomunicacións, orientada para o alumnado de 4º da ESO e 1º de bacharelato.

Explicounos que os buratos negros son zonas onde a gravidade é tan extrema que nin a luz pode escapar, e por iso é tan difícil fotografalos: só podemos captar a luz deformada da materia que xira ao seu redor, usando telescopios sincronizados por todo o mundo.

Faloumos tamén da transmisión da enerxía e da información a través das ondas electromagnéticas, a base do wifi, da radio e mesmo da luz.

E rematamos cun experimento curioso: usar unha lata de chocolate en po para fabricar unha pequena antena direccional que concentra o sinal wifi nunha dirección, demostrando de forma práctica como funcionan as antenas.

Unha charla que espertou curiosidade e mostrou que a física está máis perto do que parece!





4/12/25

Charla PAU e USC

Hoxe o noso alumnado de 2º de bacharelato participou nunha sesión informativa impartida por Francisco Rodríguez Lestegás, profesor emérito da USC, na que puideron resolver dúbidas sobre as probas PAU: matrícula, elección de optativas, ponderacións e todas as novidades que trae para este curso. 

A sesión tamén lles permitiu coñecer mellor o funcionamento da universidade: que son os graos, como se organiza o estudio por créditos  ECTS, os diferentes tipos de aulas e metodoloxías docentes, así como a información práctica sobre residencias universitarias e vida académica
Un paso máis para afrontar con seguridade esta etapa decisiva.
Grazas pola visita e pola claridade das explicacións!

Día das persoas con discapacidade

 

 

 




O 3 de decembro celebramos o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, unha data promovida pola ONU para lembrar a importancia de construír unha sociedade máis inclusiva, accesible e respectuosa coa diversidade humana.

Nas bibliotecas escolares este día convértese nunha oportunidade para reflexionar sobre como os libros, as historias e a cultura axudan a derrubar prexuízos, poñendo voz a persoas que, moitas veces, ficaron fóra do foco da creación literaria.

A lectura permítenos achegarnos ás distintas realidades da discapacidade —física, sensorial, intelectual ou invisible— desde a empatía e o coñecemento. Por iso, quixemos reunir unha selección de obras que amosan personaxes diversos, experiencias reais, biografías inspiradoras e relatos que reivindican os dereitos das persoas con discapacidade.

Convidámosvos a mergullarvos nestas lecturas, a recoñecer o valor da diversidade e a descubrir que todas as persoas, con independencia das súas capacidades, forman parte imprescindible da nosa comunidade.

3/12/25

Charla TI ELIXES

 O mércores 3 de decembro, o alumnado de 3º ESO tivo unha charla sobre orientación vocacional.

O programa"Que non te líen, ti elixes" é unha iniciativa conxunta da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a través da cal se busca fomentar, desde as aulas, unha orientación profesional libre de estereotipos de xénero así como a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e o fomento da coeducación.
A finalidade deste programa é seguir avanzando na presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados como o forestal, a construción, o marítimo-pesqueiro, o do metal ou as TIC. Como novidade nesta edición, introducíronse nesta iniciativa contidos relacionados coa presenza de homes en profesións consideradas tradicionalmente feminizadas, co obxectivo de romper cos prexuízos ou estereotipos de xénero nas diferentes profesións.
Grazas a  Iris e Arantxa, dúas mulleres traballadoras do sector do mar, por dar exemplo e facer pensar á xuventude dos estereotipos de xénero nas profesións.