BIBLIOTECA IES MARQUÉS DE SARGADELOS.

24/2/26

Charla SEXUALIDADE RESPONSABLE

 Na tarde do 23 de febreiro, o alumnado de 1º e 2º de Bacharelato asistiu a unha charla sobre sexualidade responsable, organizada polo Departamento de Orientación.

Da man de María González Cociña, do Centro M (Burela), traballáronse aspectos fundamentais como a prevención, o autocoidado, o respecto, o consentimento e a toma de decisións informadas, nun espazo de diálogo aberto e próximo.

Eduación afectivo-sexual para unha vida máis saudable e consciente.

23/2/26

 23 de febreiro, día de Rosalía

Cada 23 de febreiro celebramos o Día de Rosalía, unha data moi especial para a cultura galega, pois conmemora o nacemento de Rosalía de Castro (1837–1885), unha das figuras máis importantes da nosa literatura.

Rosalía foi pioneira na defensa da lingua galega nun momento no que estaba relegada ao ámbito oral. Coa publicación de Cantares Gallegos en 1863, marcou o inicio do Rexurdimento, devolvéndolle ao galego o seu prestixio como lingua literaria. Outras obras destacadas como Follas Novas e En las orillas del Sar amosan unha voz íntima, comprometida e profundamente humana.

Na biblioteca queremos renderlle homenaxe cunha pequena exposición de libros, poemas e materiais sobre a súa vida e obra. Animámosvos a achegarvos, descubrir ou redescubrir os seus versos e celebrar a forza dunha autora que segue a emocionarnos hoxe.

Porque Rosalía non é só pasado: é identidade, é lingua e é memoria viva.




19/2/26

CIBERLIGA

O alumnado de 4º da ESO participou o xoves 19 de febreiro na Ciberliga, unha competición organizada pola Garda Civil para fomentar a ciberseguridade e o uso seguro e responsable das novas tecnoloxías.

Durante a actividade, o alumnado enfrontouse a distintos retos do mundo dixital, traballando en equipo e desenvolvendo habilidades para indentificar riscos na rede e actuar de maneira responsable no ciberespazo.

Parabéns pola vosa participación e implicación! Seguimos aprendendo tamén no mundo dixital.

13/2/26


11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia






 



O 11 de febreiro, celebramos o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, unha data promovida pola Organización das Nacións Unidas para visibilizar o papel das mulleres na investigación científica e tecnolóxica.

Desde a biblioteca do IES sumámonos á conmemoración cunha pequena selección de libros e materiais sobre mulleres científicas e referentes femininos en diferentes ámbitos da ciencia. Esta iniciativa busca espertar vocacións, romper estereotipos e lembrar que a ciencia tamén se constrúe en feminino. 

Animámosvos a achegarvos á biblioteca, descubrir as lecturas propostas e inspirarvos nas historias de tantas mulleres que abriron camiño.