BIBLIOTECA IES MARQUÉS DE SARGADELOS.

30/10/25

SAMAÍN NA BIBLIOTECA. O medo tamén se le

 Para celebrar o Samaín, decoramos a nosa biblioteca e iluminámola con candeas e cabazas artísticas e orixinais feitas polo alumnado.

Nos dous recreos do  xoves 30 de outubro, alumnado de diferentes cursos fixeron lecturas de relatos terroríficos á luz das candeas, dentro da actividade "O medo tamén se le".












21/10/25

Charlas PLAN DIRECTOR GARDA CIVIL

 


Hoxe visitounos Héctor Méndez, formador da Garda Civil para impartir tres charlas do Plan Director.

As primeiras foron dirixidas a 2º e 3º da ESO, e FP Básica, sobre a prevención dos delitos de odio, que son actos que implican discriminación, hostilidade ou violencia contra un grupo baseado en características como raza, relixión, orixe, orientación sexual ou discapacidade.

A continuación, co alumnado de 1º da ESO tratou as consecuencias que padecen as persoas que sofren o acoso escolar, xa sexa o acoso tradicional ou que se que produce facendo uso de medios tecnolóxicos. Puxo especial atención en que é responsabilidade de todos e todas denuncialo e combatelo.

Por último, impartirónse dúas charlas sobre prevención de delitos sexuais nos que puideran estar implicados nenos, nenas e adolescentes, como vítimas e como autores, para alumnado de 2º e 3º da ESO e 1º FP Básica.

19/10/25

Información variada

16 de outubro

Mostraremos de forma habitual as diferentes estreas de cine e os libros máis vendidos no taboleiro de novas.



Premio Planeta 2025

 15 de otubro.

Recollemos no taboleiro de Novas artigos relativos o Premio Planeta 2025, para Juan del Val coa novela Vera, una historia de amor.

A escritora galega Ángela Banzas quedou finalista coa novela Cuando el viento hable.



13 de outubro: Día das escritoras

 "As escritoras activas ao redor de 1975 reflicten en moitas das súas obras o desexo dun cambio profundo e radical nas vidas das mulleres, denuncian a falta de liberdade e de autonomía, dan testemuño do que ocorre fóra de España, esixen unha nova orde amorosa e un cambio nas leis que as veu marxinando durante o franquismo".

Anna Caballé, comisaria de la X edición del Día de las Escritoras

Mostramos na biblioteca o cartel do día das escritoras e unha selección de textos destas dez autoras, mulleres que nos anos 70 publicaron en galego.



Premio Nobel de literatura 2025: László Krasznahorkai

9 outubro

Recollemos no taboleiro de Novas varios artigos sobre o novo premio Nobel de literatura.

Krasznahorkai é un autor coñecido por unha prosa densa, de longas frases, tons que combinan o melancólico, o existencial e o absurdo. A súa escritura móvese por escenarios de desolación e procura de sentido, a miúdo ao bordo do colapso social ou individual.




1/10/25

Carnés socios e socias 1º ESO

 Nestas primeiras semanas o alumnado de 1º da ESO está coñecendo as instalacións do seu novo centro educativo.

Hoxe, 1 de outubro, na hora de titoría, o alumnado de 1º ESO B foi ata a biblioteca. Alí recibiron información sobre o seu funcionamento, horario de atención e normas de uso. Puideron ver o material do que dispón, as tarefas que poden realizar nela e de cando e como se fan os préstamos e devolucións.
Aproveitamos tamén o momento para describir máis detalladamente a clasificación do material e a organización atendendo á CDU.
Entregámoslles os seus carnés de socias e socios, e para rematar realizaron dúas actividades para que se familiarizaran coa búsqueda de material.
Os seus compañeiros e compañeiras de 1º ESO A serán acollidos nos vindeiros días.