BIBLIOTECA IES MARQUÉS DE SARGADELOS.

23/4/24

Día do libro, abril 2024

 

Para conmemorar este día preparamos unha exposición cunha selección de viñetas de autores ben coñecidos como Forges, Davila, Quino ou Xaquín Marín que, dun xeito irónico e cómico, aluden á importancia da lectura. Ademáis, o alumnado de Plástica de varios cursos elaborou uns carteis utilizando a mesma técnica de viñetas para abordar esta temática: os beneficios da lectura. Amosamos algunhas imaxes.








12/4/24

Charla Plan Director: Adiccións con substancia

O xoves 4 de abril o alumnado de 3° de ESO e 1° de FPBásica recibiu unha das charlas concedidas dentro do Plan Director que leva o nome de “Adiccións con substancia".

A charla foi impartida por Ramón Pena da Comandancia da Garda Civil de Lugo que, de novo, se achegou ao noso centro para tocar o tema das drogas socialmente aceptadas como o tabaco e alcol e os efectos nocivos que producen no noso corpo mais tamén tiveron tempo para falar doutras substancias nocivas.









Exposición de traballos do alumnado

 

Nos grupos de 1º e 2º ESO de Lingua e Literatura Galega tratáronse as seguintes lecturas: Perigo vexetal, Leonel e Chamádeme Simbad. Posteriormente os estudantes tiveron que realizar uns proxectos en relación con estas lecturas. Velaiquí os resultados.






11/4/24

Programa Gen Tech - Digitalent

A semana pasada o alumnado de 1° e 2° de BAC participou na actividade GenTech-DigiTalent. Esta actividade está centrada na presentación de proxectos de base tecnolóxica que permite coñecer as opcións profesionais e a realidade do sector TIC.


O seu obxectivo principal é fomentar o atractivo vocacional cara ás carreiras profesionais STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) e achegar aos centros as oportunidades laborais no sector tecnolóxico.







9/4/24

Charla: "Formación, investigación e desenvolvemento multidisciplinar. Un exemplo: TICs e Medio Ambiente"

A semana pasada o alumnado de 3° e 4° de ESO participou nunha charla sobre "Formación, investigación e desenvolvemento multidisciplinar. Un exemplo: TICs e Medio Ambiente".


O doutor Javier Andrade do departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da Facultade de Informática e a doutora María Piñeiro Iglesias que forma parte do Instituto Universitario de Medio Ambiente, realizaron en primeiro lugar, unha pequena presentación dos centros relacionados co tema da charla e despois adentráronse no problema da contaminación atmosférica.


O obxectivo é plantexar como as TICs se poden empregar tanto para a vixilancia ambiental como para a "eco-actuación", e para iso, mostraron exemplos de hardware e software que dan soporte a actividades medioambientais.


Tamén presentaron proxectos TIC que desenvolven de forma conxunta desde os dous centros e falaron sobre a formación necesaria para participar nestes proxectos.










4/4/24

Comezo do II Torneo de Xadrez

 

Este xoves 4 de abril comezamos as partidas do torneo de xadrez. O campionato celébrase durante os recreos do xoves e venres e nalgúns recreos das dúas próximas semanas. Os doce participantes anotados están divididos en dous grupos. Nunha primeira fase compiten con todos os seus compañeiros dese grupo (5 rondas) e máis tarde haberá dúas semifinais cos xogadores que obtiveran maior puntuación para finalmente chegar á partida final entre os dous mellor clasificados. Amosamos algunhas imaxes da competición.







25/3/24

Charla submisión química

O 22 de marzo visitou noso centro a profesora da Universidade de Vigo Marta Teijeira Bautista que veu falarlle ao alumnado sobre a submisión química.


Mostróuselles o que lle ocorre ao noso corpo cando inxerimos unha substancia psicoactiva e as consecuencias que ten para a nosa integridade e benestar.


Estas substancias alteran o funcionento normal do cerebro e interfiren na regulación de emocións, pensamentos, percepcións e condutas e poden ser utilizadas con finalidades delitivas para someter a unha persoa á vontade doutra.




15/3/24

Primavera 2024

 

Adiantámonos unha semana e dámoslle a benvida á Primavera 2024 cunha composición que amosamos no expositor da entrada. Nesta alegre montaxe incluímos o lema “ler para florecer” que aparece representado cun campo onde florecen as herbas e flores que xurden da terra abonada con moitas lecturas. Alumnos e alumnas voluntarios de distintos cursos contribuíron cos seus debuxos a esta exposición.

Aproveitamos a ocasión para amosar algún materiais adquiridos estes días.



 

12/3/24

Programa A Ponte: Saídas Profesionais dos graduados

 Dentro das charlas do Programa A Ponte da USC visitáronnos tamén o pasado mes, María Esther Oliveira Oliveira e María González Blanco profesoras do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación de Santiago de Compostela.

Nesta ocasión, o alumnado de 2° de BAC recibiron información sobre as actividades profesionais que os graduados en Pedagoxía, Educación Social e titulados de Mestre poden desenvolver. 













8/3/24

8 de marzo, día internacional da muller

 Amosamos traballos de alumnado de Educación Plástica con motivo do día da muller: o cartel conmemorativo do 8 de marzo elaborado por un grupo de alumnas de 4º ESO e unha serie de caligramas realizados no grupo de 3º ESO con diversos lemas alusivos a esta temática.