BIBLIOTECA IES MARQUÉS DE SARGADELOS.

25/3/24

Charla submisión química

O 22 de marzo visitou noso centro a profesora da Universidade de Vigo Marta Teijeira Bautista que veu falarlle ao alumnado sobre a submisión química.


Mostróuselles o que lle ocorre ao noso corpo cando inxerimos unha substancia psicoactiva e as consecuencias que ten para a nosa integridade e benestar.


Estas substancias alteran o funcionento normal do cerebro e interfiren na regulación de emocións, pensamentos, percepcións e condutas e poden ser utilizadas con finalidades delitivas para someter a unha persoa á vontade doutra.




15/3/24

Primavera 2024

 

Adiantámonos unha semana e dámoslle a benvida á Primavera 2024 cunha composición que amosamos no expositor da entrada. Nesta alegre montaxe incluímos o lema “ler para florecer” que aparece representado cun campo onde florecen as herbas e flores que xurden da terra abonada con moitas lecturas. Alumnos e alumnas voluntarios de distintos cursos contribuíron cos seus debuxos a esta exposición.

Aproveitamos a ocasión para amosar algún materiais adquiridos estes días.



 

12/3/24

Programa A Ponte: Saídas Profesionais dos graduados

 Dentro das charlas do Programa A Ponte da USC visitáronnos tamén o pasado mes, María Esther Oliveira Oliveira e María González Blanco profesoras do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación de Santiago de Compostela.

Nesta ocasión, o alumnado de 2° de BAC recibiron información sobre as actividades profesionais que os graduados en Pedagoxía, Educación Social e titulados de Mestre poden desenvolver. 













8/3/24

8 de marzo, día internacional da muller

 Amosamos traballos de alumnado de Educación Plástica con motivo do día da muller: o cartel conmemorativo do 8 de marzo elaborado por un grupo de alumnas de 4º ESO e unha serie de caligramas realizados no grupo de 3º ESO con diversos lemas alusivos a esta temática.








7/3/24

Charlas Plan Director: Acoso Escolar e Ciberacoso // Prevención de delitos sexuais

Onte recibimos a visita dun formador da Garda Civil de Lugo, Héctor Méndez, que dentro das charlas do Plan Director veu falarlle ao alumnado de 1° e 2° de ESO de acoso escolar e ciberacoso e sobre prevención de delitos sexuais ao alumnado de 4° de ESO e 1° de BAC.


Entre os temas tratados na charla de acoso escolar, púxose especial énfase en que é responsabilidade de todos e todas denuncialo e combatelo.


Por iso cómpre facilitarlles ferramentas para conseguir que desenvolvan habilidades para a prevención de conflitos e para evitar o risco de converterse tamén en vítimas de determinados delitos.









1/3/24

II Torneo de xadrez

 Anunciamos o torneo de xadrez que este segundo ano se desenvolverá durante o mes de abril. Os interesados e interesadas en participar nesta competición poderán anotarse ata o 20 de marzo.